1. O APELIDO "LEMA" EN XAPONÉS. CON TAKE ASAKA NOS MOMENTOS PREVIOS Á RECEPCIÓN DO XVI `PREMIO RAMÓN CABANILLAS (27.07.19)
    Con Takekazu Asaka en Cambados (27.07.19), momentos antes de que recibise o XVI Premio Ramón Cabanillas, creado polos libreiros cambadeses. Tiven a fortuna de que me dedicase o seu último libro, que se presentara en Cambados o día anterior, a tradución ó xaponés d'''A rosa de cen follas", do poeta Cabanillas (limiar de Paco Fernández Rei). Na dedicatoria pedinlle que tamén me escribise o meu apelido cos pictogramas xaponeses e así o fixo: son os dous centrais, que corresponden ás dúas sílabas do meu apelido (a frecha cara a abaixo corresponde á sílaba "le" e a frecha cara a arriba á "ma"). Sinxeliños, non si?
    0

    Añadir un comentario





  2. O profesor Takekazu Asaka leva ao xaponés a fala da Costa da Morte

    No seu último traballo tomou como referencia a obra «Costa do Solpor», de Xosé María Lema



    O profesor Takekazu Asaka leva ao xaponés a fala da Costa da Morte

    No seu último traballo tomou como referencia a obra «Costa do Solpor», de Xosé María Lema




    CARBALLO / LA VOZ 
    Takekazu Asaka, profesor xubilado da Universidade Tsudajuku (Tokio), é o autor da primeira gramática de galego en xaponés (1993), así como responsable no seu país da divulgación de obras de escritores como Códax ou Rosalía. Hoxe visitará Cambados para recoller o Premio Ramón Cabanillas e chegará alí con unha última publicación, Consideracións cunhas formas de cortesía en galego. Para este artigo, ademais de gramáticas e dicionarios, consultou tres obras, dúas de Rosalía e unha do vimiancés Xosé María Lema, Costa do Solpor, onde está presente a fala da Costa da Morte. Asaka levara un exemplar nunha das súas viaxes a Galicia.
    Empezou a redactar este traballo de 15 páxinas debido a que, na súa opinión “a maioría dos manuais en lingua galega pasan na punta dos pés ao se referir ás formas de tratamento. Limítanse a sinalar a diferenza entre «ti» por un lado e «vostede» por outro. As referencias a outras formas aínda vivas, moribundas no idioma, son moito escasas. «Grazas a Asaka os ecos da aventura que a goleta Hispaniola na galega Costa do Solpor chegaron ó país do Sol Nacente, ó outro lado do mundo», valora Xosé María Lema. 
    0

    Añadir un comentario

  3. Uns fragmentos da fala da Costa da Morte en xaponés

    Takekazu Asaka nun acto en Galicia
     Takekazu Asaka nun acto en Galicia
    Uns fragmentos da fala da Costa da Morte en xaponés
    A vinculación do Xapón coa lingua galega vén de lonxe. Pasaron xa 7 anos dende aquela historia dun xaponés que lle pedía a un galego que lle falase na súa lingua, pois son moitos os estudantes nipones que se sumerxen no occidente a través da nosa lingua.
    Aparecen nun recentísimo artigo de 15 páxinas redactado por Takekazu Asaka, profesor xaponés da Universidade de Tsudajuku (Toquio, O Xapón), agora xubilado, baixo este título “Consideracións cunhas formas de cortesía en galego” (podedes descargar o arquivo completo abaixo de todo).
    Take Asaka (Toquio, 1952) é un profesor moi coñecido dentro do mundo intelectual galego, pois a el se lle debe a primeira Gramática da lingua galega en idioma xaponés (1993) e un gran traballo de divulgación das obras de escritores galegos coma Martin Codax, Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Ramón Cabanillas no seu país (https://gl.wikipedia.org/wiki/Takekazu_Asaka). É para moitos -particularmente para o seu amigo o catedrático e académico F. Fernández Rei- o grande embaixador da cultura galega no Xapón, “a forza que nos vén de (moi) lonxe”. O próximo día 27 de xullo vai ser solemnemente homenaxeado en Cambados, nun acto no que se lle vai outorgar o premio Ramón Cabanillas.

    Asaka: interesado polas formas de cortesía en galego


    Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)
    Título do artigo de Takekazu Asaka (2019)​. Podedes descargar o arquivo completo abaixo de todo
    O profesor Asaka  decidiuse a redactar o artigo arriba indicado debido a que, na súa opinión “a maioría dos manuais en lingua galega pasan na punta dos pés ao se referir ás formas de tratamento. Limítanse a asinalar a diferenza entre «ti» por un lado e «vostede» por outro. As referencias a otras formas aínda vivas, moribundas no idioma, son moito escasas. Por iso neste artigo analizamos todas as formas: «vós» de cortesía, «ele, ela, o tío / a tía» e mediante un sistema de etiquetaxe compartimos as súas características”.
    Ademais dunha serie de obras galegas que se citan na bibliografía (p. 14), case todas gramáticas e dicionarios galegos, Asaka recorreu a tres obras literarias para o seu estudo: dúas de Rosalía de Castro (Cantares Gallegos, 1863, e Contos da niña terra, 1884), e unha de Xosé Mª Lema (Costa do Solpor, 2013). Estaba particularmente interesado polas formas de respecto da fala da Costa da Morte (a denominada fala Fisterrá Norte por F. Fernández Rei na súa Dialectoloxía da Lingua Galega, 1999).
    Citas dunha cántiga popular (de Lema) e outra de Rosalía de Castro
    Citas dunha cántiga popular (de Lema) e outra de Rosalía de Castro
    Dá gusto ver -ou adiviñar- como nos fermosos pictogramas do idioma xaponés se recollen fragmentos da fala da Costa da Morte. Asaka levara consigo un exemplar de Costa do Solpor nunha das súas viaxes a Galicia e decatouse de que nas páxinas desta novela se recollía a fala da Costa da Morte cos seus carácteres dialectais, de xeito que era posible que nelas atopase moitas das expresións de cortesía que buscaba, dada a tendencia conservadora desta fala occidental da lingua galega. 
    Deste xeito, xa na páx. 3 do artigo aparece a primeira cita da novela de X.Mª Lema, neste caso para facer mención do arcaísmo «vosa mercé», neste caso máis propio da época en que se desenvolve a trama da novela e non de hoxe en día. 

    «Vós» de respecto, e «mi padre», «mi madre»

    De máis interese é para o profesor nipón o «vós» de respecto, que se conserva tanto na Terra de Soneira coma no distante Val das Ellas do noroeste de Estremadura (p. 4). Na p. 7 cítase un longo parágrafo contido na p. 269 de Costa do Solpor que remata deste xeito: “(…) En fin, é outro xeito que temos entre nós de nos dirixir ós vellos para non lles faltar ó respecto.  Nosoutros non lles damos o trato de «vosa mercé», como fan os fidalgos; dicímoslles «vós» ou «oíu». Non sei se me entendes…”
    Como Takiño -así quere que o chamen os seus amigos de Galicia- se puxo en contacto con Lema, este facilitoulle un exemplo do folclore popular soneirán -que, precisamente, cae ó xeito por estas datas de principios de xullo- no que aparece o tratamento de «vós» de respecto ben ás claras, neste caso referido a un santo, con quen, malia a familiaridade coa que se adoita tratar, hai que gardar as distancias e non atualo: “San Cristoviño de Baio / vós tendes o que querés,/ roubástelle a xente toda / ó voso irmán de Carnés” (p. 7). 
    Xa finalmente, na p. 11, a Asaka chámalle a atención as formas “mi padre” e “mi madre”, que, malia a súa aparencia, non son castelanismos senón formas arcaicas de respecto aínda hoxe moi vivas en xente de certa idade nas comarcas da Costa da Morte. Na novela de Lema, ó estar ambientada no século XVIII, estas formas aparecen con moita frecuencia nos diálogos de moitos capítulos. O profesor nipón tomou como referencia as das páxinas 388 e 391, cando a fidalga Mariña de Lobeira se dirixe ó seu pai deste xeito: “Mi padre! Que vai facer vosa mercé?”, ou “Mi padre: eu tamén von ir con eles”.

    A nosa fala nos fermosos pictogramas xaponeses

    Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)
    Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)
    En suma, emociona ver fragmentos da nosa fala fisterrá nos artísticos pictogramas do idioma xaponés (véxanse nas pp. 3, 4, 7 e 11, e a referencia bibliográfica na 14). Tamén alegra que os ecos da singular aventura que a goleta Hispaniola do tesouro da illa tivera nas costas de Fisterra, Muxía e de Camariñas chegasen ó outro lado do planeta: ó Extremo Oriente. Hai constancia de que chegaran a Bélxica, a Alemaña (o profesor Dieter Kremer da Universidade de Tréveris fixera haberá un ano un eloxioso comentario), pero nunca tan lonxe. 
    Graciñas Take Asaka por levares a fala da Costa do Solpor ó país do Sol Nacente. Xa somos un pouco máis coñecidos os desta esquina do mundo.
    Costa do solpor. O regreso da illa do tesouro
    Os ecos de "Costa do Solpor"  chegaron ó país do Sol Nacente

     

    Novas relacionadas








    0

    Añadir un comentario

  4. «Un paseo fluvial por Baio», crónica de Xosé María Lema

    De ponte a ponte nun itinerario cargado de historia: polas beiras do río do Porto


    O 22 de xuño, dúas ducias de persoas da comarca e de fóra dela fixemos un percorrido polas beiras do río do Porto, polas parroquias de Baio, O Allo, Lamas e San Cremenzo, para rematar xantando na área recreativa de Pedra Vixía. Foron uns 16 quilómetros, pero os menos habituados a estas distancias -entre os que me conto- poden facer traxectos máis curtos, e agora que este 30 de xuño se celebra a Festa da Carballeira en Baio hai unha boa oportunidade para que algúns dixiran a comida cun curto paseo sen ter que saír da parroquia. De ponte a ponte, coma no xogo da oca: da de Baio á da Cacharosa. A Devesa queda case equidistante das dúas.
    Poñendo en valor estes paseos fluviais, hai pouco a asociación Tabeirón tivo a boa idea de situar letreiros sinalando os sitios máis sobranceiros e as distancias entre eles. Vin que tamén se construíra unha pontella de madeira no remate da carballeira para pasar á beira esquerda do río, e, así, chegar decontado á area recreativa de Pedra Vixía. Un luxo ter tan próximos os dous frondosos arboredos.
    Nos tres quilómetros entre as dúas pontes baiesas ben que se podían organizar curtas visitas guiadas nas que se falase, ademais da rica paisaxe natural, de enclaves etnográficos (muíños), monumentais (pontes) e mesmo históricos (o desaparecido campamento da Cacharosa). Debera poñerse máis en valor, en primeiro lugar, a ponte de Baio, lazo de unión coa Piroga (Bamiro), un bo modelo de ponte de mediados do século XIX: sabemos que se fixo en 1852 e que nela traballaron homes e mulleres de Baio e Bamiro ás ordes de Tomás de Castro -que debía ser o enxeñeiro- e do mestre canteiro Manuel Veloso, natural de Soesto e veciño de Baio. Esta ponte é hoxe o principal símbolo baiés, pois figura nos escudos das entidades deportivas e culturais.
    Polo paseo fluvial -inaugurado en 2007- chegamos á carballeira da Devesa, das poucas que quedan na comarca. Na súa parte sur desemboca o río de Vilar. Pola súa zona leste pasamos a pouca distancia dunhas casetas abandonadas, que nos dan pé a falarmos do oficio de fogueteiros que tiveron varias familias baiesas, xa desde o século XIX. Máis adiante vén o muíño e a presa das Quintas, xa existentes en 1753 (Catastro de Ensenada).
    Muíño de Su a Agra
    Despois do instituto -co seu mural das pandeireteiras- chegamos á fachada do campo de fútbol, onde atopamos o muíño Vello de Su a Agra, xa citado en 1644 nos documentos dos Rioboo do Allo. Río arriba e a uns 250 metros veremos a represa e o que queda do muíño Novo de Su a Agra, obras datadas en 1732. Aquí desemboca o río de Zas, o afluente máis longo, tras atravesar, dividido en varios brazos, a área de Pedra Vixía, exemplarmente acondicionada por membros da Tabeirón a finais dos 90.
    Achegándonos á Cacharosa poderemos situarnos no lugar onde se instalara un campamento militar entre 1943 e 1944, e de paso lembrar os avatares da Segunda Guerra Mundial. A ponte Lodoso foi construída en 1898, como remate do tramo de estrada Santa Comba-Baio (por certo, que o capataz andaluz das obras non era moi ben visto por algún cura). Mesmo o diminuto regueiro do Allo ten a súa importancia, pois serve de linde ás parroquias do Allo e Baio desde tempo inmemorial (xa se cita en 1644 este “riego” nos documentos dos Rioboo). Parabéns á directiva de Tabeirón pola iniciativa da sinalización (que pode completar cos séculos da construción de cada obra), e polo propósito de restaurar o muíño Novo de Su a Agra. Algún día haberá que colocar unha placa en Pedra Vixía que lembre os promotores desa fermosa área recreativa. De Baio tamén merece unha visita o paseo fluvial de Fornelos, ben preparado pola asociación de veciños A Fonte.


    0

    Añadir un comentario


  5. EXCURSIÓN FLUVIAL POLO CURSO MEDIO DO RÍO DO PORTO 

    PONTE DE BAIO <> PONTE LODOSO (A CACHAROSA) <> PONTE DO BAIÚSO <> PONTE DA COTELA (SAN CREMENZO) <> MUÍÑO DE XERNE <> TORRES DO ALLO <> MUÍÑOS DO ALLO <> REGUEIRO DO ALLO <> ÁREA RECREATIVA DE PEDRA VIXÍA E DESEMBOCADURA DO RÍO DE ZAS NO RÍO DO PORTO


    Guiados polo xornalista Xosé Ameixeiras, arredor de 25 camiñantes -algúns chegados da Rías Baixas e outros de Santiago, A Coruña e Carballo- saímos o sábado 22 de xuña 2019 ás 10:30 h da ponte de Baio, que une esta parroquia coa de Bamiro, ponte construída en 1852, sobre outra anterior (xa citada en 1698 e 1804). O propósito inicial era ir remontando a corrente principal do río do Porto -nesta zona chamado río de Baio- pola súa beira dereita, aproveitando que se limpara de malezas recentemente.
    Seguindo o paseo fluvial de Baio (inaugurado en 2007) chegamos á Carballeira da Devesa -unha das poucas que se conservan na comarca, adquirida hai pouco máis de un ano polo Concello de Zas, escenario da popular Festa da Carballeira baiesa do próximo domingo 30 de xuño; alí desemboca do río de Vilar, o 2º afluente máis longo do río.

    Sinais indicadores da A.de VV. Tabeirón de Baio
    Máis adiante pasamos preto dunhas casetas de polvoreiras pirotécnicas, xa abandonadas, pois Baio foi terra de fogueteiros ata hai moi pouco. Desde finais do séc. XIX houbo xente con este oficio: primeiro foron os Gambino procedentes de Compostela e despois os Reimúndez, que viña de terras pontevedresas; a razón da instalación neste lugar da beira do río foi porque era o máis afastado da vila.
    Veu despois o muíño das Quintas, coa súa presa, xa citado no Catastro de Ensenada (1753), daquela propiedade dun fidalgo chamado D. Pedro Pardo de Sotto. Por esta zona empezan a verse oportunos sinais gravados en táboas de madeira sinalando o nome deste muíño e indicando a distancia dos seguintes -os dous de Su a Agra- e da área de Pedra Vixía, iniciativa da asociación de Veciños Tabeirón, de Baio, á que cómpre felicitar por esta iniciativa.

    Chegamos ó Muíño Vello de Su a Agra, situado diante da fachada do campo de fútbol Platas Reinoso, campo que fora inaugurado en 1990 e que leva o nome dun mestre moi querido na parroquia. Este muíño data de 1644, pois é citado en documentos do arquivo da familia Rioboo, fidalgos das Torres do Allo. A certa distancia atopamos o Muíño Novo de Su a Agra, que recolle na súa represa tamén as augas do río de Zas, o afluente máis longo; segundo a documentación, esta presa e este muíño foron construídos en 1732 polo cura Francisco de Villanueva.
    Su a Agra (< latín SUB ILLAM AGRAM ‘ó pé da agra ou a un nivel máis baixo’) é un fermoso topónimo baiés que lembra que toda esta zona lindeira coa beira dereita do río esta situada a un nivel máis baixo que a agra baiesa.
     
    Os excursionistas no lugar onde estivo situado o Campamento militar da Cacharosa (1943-1944)
    Aproximámonos despois ás casas da Cacharosa, o lugar baiés máis achegado ó río; é relativamente moderno, pois a súa primeira casa data de 1861. Alí atopamos a ponte Lodoso, dun único arco, construída en 1897 dentro do tramo Santa Coma-Baio, comprendido na estrada Santiago-Camariñas, Segundo as investigacións do profesor J. Félix Neira, o capataz das obras era un andaluz de Motril, cualificado de “librepensador” polo párroco de Bamiro D. Nicolás Parada, que o denunciou ó seu arcebispo compostelán porque facía traballar os obreiros en domingos e festas de gardar. Tamén falamos de que neste sitio, nas dúas beiras do río, se instalara entre maio de 1943 e outubro de 1944 un campamento militar por temor a un posible desembarque de tropas aliadas na costa, no transcurso da Segunda Guerra mundial. Afortunadamente, ese desembarque faríase na Normandía francesa (6-6-1944).
     
    Bosque de secuoias
    Atravesando por camiños montesíos chegamos á ponte do Baiúso, entre os lugares de Cotón do Muíño (Lamas) e A Cebola da Abaixo (O Allo), onde quedan as ruínas de dous antigos muíños e unha pontella de machóns de cachotería e un piso e peitorís de cemento. Mágoa de “chapuza”, feita polo Concello de Zas polos anos 80. Pasamos agora á banda esquerda do río.
    Esta é a zona do monte da Calabanda (< AQUELA BANDA). Seguindo río arriba pasamos polos poxados da Calabanda (hoxe case imperceptibles, km. 14,8 do nacemento do río), por onde antano atravesaban o río veciños de San Cremenzo, Gándara e Carreira que se desprazaban a pé á feira de Baio, e chegamos ós montes de Daneiro -onde se situaban os lugares da Cotela e de Pedra que Tangue, hoxe abandonados-; na beira do río atopamos un insólito bosque de exóticas secuoias, as árbores que medran máis alto.
    Máis adiante atravesamos o río -que por esta zona aínda se chama río do Sisto- pola pontella da Cotela, de chan de cemento e varandas de madeira, e volvemos pola beira dereita a favor da corrente do río. Preto da ponte do Baiúso queda aínda o muíño de Xerne, tamén citado polo Catastro de Ensenada. O lugar de Xerne, que antes era de Lamas, incorporárono a finais do séc. XVIII ó Allo.
    Desde a ponte do Baiúso pasamos ó Parque Empresarial do Allo e de alí ás Torres do Allo, “o primeiro pazo” galego (unha 1ª fase de finais do séc. XV-principios do XVI e unha segunda 175 anos máis tarde: entre 1669 e 1685). Por falta de tempo xa non se visitou a igrexa da fachada-retablo renacentista e foise directamente ver os Muíños do Allo, xa existentes en 1644, pois pertencían ós donos das Torres. Estiveron moendo ata finais do séc. XX.

    O Regueiro do Allo, este diminuto rego ten a súa
    importancia  histórica, pois xa aparece en docu-
    mentos do séc. XVII dividindo as parroquias
    do Allo e Baio, e con elas as  propiedades
    ds Rioboo  e dos condes de Altamira
    Os excursionistas seguiron cara á Cacharosa pola beira esquerdo do río. Pola dereita, ó lado da estación de servizo, pódese ver o diminuto Regueiro do Allo, que desde tempos inmemoriais establece o límite entre as parroquias do Allo e Baio (cítase nun documento de 1644 e noutros moitos dos Rioboo).
    Finalizouse a excursión cun xantar campestre á espléndida área recreativa de Pedra Vixía -outro topónimo ben fermoso e evocador-, situada no río de Zas, pouco antes da súa desembocadura no río do Porto ou de Baio. A finais do séc. XX antigos membros da A. de VV. Tabeirón limparon de maleza toda esta área natural, xenerosamente cedida polos seus múltiples donos e acondicionárona coa axuda do Concello de Zas. Hai anos reclamamos que neste lugar se puxese unha placa conmemorativa en recoñecemento desta exemplar traballo comunal e os seus principais promotores; a ver se a entidade veciñal actual se anima a facelo agora. Hoxe é un lugar case paradisíaco e, infortunadamente, pouco aproveitado pola veciñanza.

    Tamén percorridos de traxectos máis curtos
    En suma, foi un total de 17 km de percorrido en máis ou menos 5 horas, que a algúns se nos fixeron moi longas. Hai que vén a estas andainas simplemente a andar sen reparar moito no que ve, pero hai outros, entre os que me conto, que prefeririamos facer traxectos máis curtos -8 km como máximo na metade do tempo- para que nas paradas se puidese atender ás explicacións de todo tipo que varios dos propios excursionistas son quen de facilitar: paraxes naturais, árbores e vexetación das ribeiras, fauna... e muíños, pontes e outros monumentos históricos coma as Torres, a igrexa, o novo cruceiro e mesmo o novo cemiterio parroquial do Allo.

    Cómpre seguir facendo estas rutas fluviais, e animamos ós tres concellos da Terra de Soneira ,  Zas, Vimianzo e Camariñas, e ás asociacións veciñais a que manteñan limpas as beiras do río nos seus tramos alto, medio e baixo.
    O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, ten moito que ofrecer.
    Área recreativa de Pedra Vixía, preto da desembocadura
    do río de Zas no do Porto



    En resumo, neste percorrido do curso medio do río do Porto:

    1. Dúas pontes do séc. XIX: a ponte de Baio (1852) e a ponte Lodoso da Cacharosa (1897).
    2. Tres pontellas: a da Carballeira de Baio, a ponte do Baiúso e a ponte da Cotela.
    3. Polo menos 7 muíños antiquísimos, algúns xa arruinados ou abandonados: do séc. XVII (muíño Vello de Su a Agra; os Muíños do Allo e un dos da ponte do Baiúso); do séc. XVIII (o das Quintas, o Muíño Novo de Su a Agra, un dos da ponte do Baiúso e o de Xerne).
    4. Represas para muíños, unhas xa feitas no séc. XVII e outras no XVIII (a das Quintas, a de Su a Agra, a dos Muíños do Allo, a da ponte do Baiúso).
    5. Vexetación: unha carballeira (a da Devesa, de 390 carballos), un souto (o do Allo), vexetación de ribeira de abeneiros, carballos sen apenas intromisión dos eucaliptos. Un bosque de exóticas secuoias.
    6. Unha área recretiva moi ben preparada: a de Pedra Vixía (que se pode enlazar co dolmen de Pedra Moura de Pedra Vixía, río arriba).
    7. Monumentos históricos importantes: as Torres do Allo (séc. XV-XVI á segunda metade do XVIII), a igrexa renacetista do Allo (finais do XVI), fonte do souto do Allo (barroca do XVIII); cruceiro do adro (2013), cemiterio novo do Allo (2006).

    PD: para todo tipo de información sobre os tramos da cada roteiro, véxase o libro O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira (SEMESCOM 2019), de Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e X. Mª Lema.
     
    Presa e muíño Novo de Su a Agra (1732)

    0

    Añadir un comentario

  6. Trinta anos da presentación da «Historia do CD Baio e da Liga da Costa»

    Un artigo en lembranza desta publicación, o primeiro libro galego das historias dos clubs de fútbol Houbo que esperar anos por outros libros en galego sobre este tema


    CARBALLO / LA VOZ 
    O pasado mes de abril fixéronse trinta anos da presentación do libro Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa, que elaboramos contando coa valiosa axuda de hemeroteca do baiés Alfonso Villar. A presentación fora no auditorio de Zas o 15 de abril de 1989, pois o libro subvencionárao o Concello de Zas (era alcalde Ramón Lois) cunha axuda da Subdirección Xeral do Libro da Xunta (da que era responsable Xavier Senín).
    No acto estiveron presentes moitos futbolistas, directivos e xornalistas, en especial Emilio Amado, de El Ideal Gallego, e José M. Ferreiro, de La Voz de Galicia, os que máis se ocuparían da Liga da Costa ao longo da súa historia. Editáronse 2.000 exemplares, que se esgotaron en poucos anos.
    Nesta obra de 310 páxinas narrábase a historia non só do club en cuestión, senón dos primeiros 25 anos da xa mítica Liga da Costa, con simpáticas anécdotas recollidas por vía oral. A súa aparición tivera moita repercusión non só na prensa escrita (La Voz en particular), senón tamén na radio e na televisión (Panorama de Galicia da TVE-G e Vivir aquí Arestora da TVG). Moitos descoñecen que chegou a ser finalista, en 1990, dos Premios da Crítica Galicia do Círculo Ourensán-Vigués, na categoría de Investigación (crebade as liras, poetas!).
    Coa perspectiva que nos dá o tempo comprobamos que este libro fora o segundo que se publicara en Galicia sobre a historia dun club de fútbol (o ano anterior saíra o Real Club Deportivo de La Coruña. 82 años de historia, de P. de Llano e P. Muíños) e o primeiro en lingua galega, o que lle outorga a categoría de libro pioneiro na normalización da lingua galega neste deporte. Houbo que esperar anos a que aparecesen outros libros en galego sobre o tema, coma o de Xesús Flores e Xosé Mejuto en 1993 (Historia do Deportivo). Non sei se influenciados ou non polo noso, pero o certo é que foi no ámbito da Costa da Morte onde máis libros se publicaron en anos sucesivos sobre equipos modestos: desde o de Xan Fraga sobre os 75 anos del Bergantiños (1998) ao Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte (2013, de Héctor Pose e Luís Porto), pasando polos de R. Güeto do Noia (2001), U. C. Cee (40 aniversario), de J. M. Ferreiro (2005), o de M. Torre sobre a S. C .R. Esteirana (2006) e o dos citados H. Pose e L. Porto sobre os 40 anos do Malpica (2010).
    Onde si é seguro que influíu foi nas dúas historias xerais que sobre o fútbol galego se publicarían anos despois, pois nelas a Liga da Costa contou cun tratamento especial. Anxo Varela en Historia do fútbol galego (1997) dedicoulle o cap. 5 (15 páxinas) á Lenda futbolística da Costa. Carlos Freire en Todo sobre o fútbol galego (2012) a única liga de modestos que inclúe é a da Costa (páx. 102), situándoa entre a Liga española e a Liga de Campións.
    Como colofón, é ben sabido que en 2015 Xosé M.ª Rei Lema e quen subscribe publicamos 50 anos da historia do fútbol da Costa, unha obra enciclopédica -así a cualificou o xornalista J. M. Ferreiro- de 606 páxinas.
    Actualmente aínda continúa aberta ao público na Cidade da Cultura de Santiago a exposición «Valor e mestría. Galicia como fútbol». Non nego que é unha boa exposición, pero está dedicada aos grandes, aos famosos, ao fútbol galego profesional, e ignorouse por completo o dos humildes, o dos equipos modestos galegos que domingo a domingo dan diversión a moita xente de pequenas vilas, aldeas e barrios de toda Galicia, de Ribadeo á Guarda e da Mezquita a Fisterra.
    0

    Añadir un comentario

  7. Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo


    En cumprimento do acordo da anterior asemblea do Padroado do Museo do Pobo Galego, o seu Consello de Goberno aprobara o 10 de xaneiro de 2019 a convocatoria do concurso de méritos para a selección da candidatura á dirección do MPG, segundo unas bases establecidas.
    Presentáronse doce persoas para o cargo. Tras as correspondentes seleccións, ao final a Comisión encargada acordou por unanimidade propoñer para o cargo a Manuel Vilar Álvarez, polo seu currículo e polo seu proxecto para o Museo, considerado o máis realista. Faltaba o visto e prace da asemblea ordinaria do Padroado, que se celebrou na mañá do 25 de maio, e nela aceptouse por unanimidade a proposta da Comisión: Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo Galego, cargo de grande importancia e responsabilidade. Lembremos que Antonio Fraguas, recente protagonista do Día das Letras Galegas, ocupara ese cargo durante anos. Manolo Vilar (Santa Mariña, Muxía 1956) é licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor desenvolveuse maiormente en antropoloxía e patrimonio, e foi comisario de varias exposicións, como a que tivo lugar no Museo do Pobo no 2012 con motivo do terceiro centenario do arquitecto ceense Domingos Antonio de Andrade. Tamén fixo traballos de delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra e a Muxía (e, hai pouco, de Santiago a Muxía por Brandomil). Sempre estivo ligado a todo tipo de roteiros xacobeos, e forma parte de varias asociacións sobre o tema. O seu traballo O camiño á fin da terra recibira no 2010 o Premio da Cámara de Comercio de Santiago e dos Camiños Xacobeos. Hai pouco tempo presentou O Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil (editorial Alvarellos, 2019).
    No que me toca máis de preto, levo colaborando con Manolo Vilar desde hai moitos anos. Xuntos fixemos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), publicado pola Asociación Neria en 2001 e pioneiro na exitosa Ruta dos Faros. Tamén despois unha edición en castelán, xa esgotada. Xunto con outras 66 persoas fora en 2005 socio fundador do Seminario de Estudos da Costa da Morte e veu colaborando con esta entidade como directivo ata a actualidade, e con publicacións como Romarías da Costa da Morte (2011) ou Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota (2015). Tamén foi coguionista, codirector e narrador de documentais do SEMESCOM, como Faros da Costa da Morte(2010), As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte (2011) e A romaría da Barca (2012), que se poden descargar libremente de www.semescom.gal.
    Xosé María Lema, presidente do Semescom. 
    0

    Añadir un comentario

  8. Lema Suárez levou ao alumnado do IES Fin do Camiño pola Costa do Solpor

    Lema Suarez levou a novela Costa do Solpor no IES Fin do Camiño de Fisterra
     Lema Suarez levou a novela Costa do Solpor no IES Fin do Camiño de Fisterra
    Lema Suárez levou ao alumnado do IES Fin do Camiño pola Costa do Solpor
    Segue levando a súa novela o escritor baiés Xosé Mª Lema a súa novela "Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro" por toda a bisbarra. Este pasado luns recalou no IES Fin do Camiño de Fisterra, onde tivo un encontro cos alumnos e alumnas lectores de 3º e 4º ESO convidado pola profesora do centro Cristina López Sanmartín. Xa estivera na vila do Cristo a pasada fin de semana, levando a novela á Biblioteca do Albergue Bela Fisterra e volveu para trasladar á rapazada a esta a súa propia historia.
    A charla contou coa proxección de imaxes dos escenarios naturais da novela, maiormente da costa de Fisterra -onde comeza a aventura-, pasando pola praia da Langosteira, o monte do Facho e "os peitos espidos de muller enfesta" (en palabras do poeta Alexandre Nerium), o castelo de San Carlos, o percorrido da Hispaniola virando a estribor pola punta do cabo, o illote do Santolo e os cantís da parte oeste do cabo… Tamén tocou pasar por Muxía e Camariñas.
    Lembraron tamén a conversa que mantivo o Sr. Trelawney, almirante da goleta inglesa, co sarxento do castelo, o Atrevido de Fisterra ou Muito Home, e do estraño nome de "Estrela Escura" que aínda daquela algúns lles daban á vila da fin do mundo.
    Ao final os alumnos e alumnas fixeron preguntas moi interesantes (sobre os personaxes reais e imaxinarios da narración, se o náufrago inglés que falaba coas pedras e co vento estaba inspirado en Man de Camelle etc.). Tamén lles interesou que os personaxes da zona falasen con xiros propios da fala Fisterrá Norte (formas verbais coma "andén", "mirén", "von", "estón"), así como a rica fraseoloxía da novela (frases feitas coma "Non hai mal que non haxa ben", "en todas partes hai cans descalzos etc.). Tamén tamén a atención a cinonimia (nomes dos cans).
    Unha hora que seica soubo a pouco ("Mágoa dunha horiña máis", comentáballe ó final un dos rapaces á súa profesora).
    Lema Suarez co alumnado do IES FIn do Camino

    Novas da novela Costa do Solpor

    NOVAS SOBRE LEMA SUÁREZ

    0

    Añadir un comentario


  9. Xosé María Lema, en el instituto Fin do Camiño de Fisterra

    Mantuvo un encuentro con alumnado de tercero y cuarto de ESO alrededor de la novela «Costa do Solpor»


    CARBALLO / LA VOZ 
    En apenas unos días, el escritor vimiancés Xosé María Lema visitó por segunda vez Fisterra. Jornadas atrás fue el Bela Fisterra, de la mano de su obra «Costa do Solpor», y volvió a ser esta novela la que lo llevó, ayer, al instituto Fin do Camiño, invitado por la docente Cristina López.
    Mantuvo un encuentro con alumnado de tercero y cuarto de ESO sobre este libro y, según avanzaba el autor, aprovecharía para proyectar imágenes de los escenarios naturales de la novela, sobre todo del entorno de Fisterra: playa de Langosteira, monte do Facho, castillo de San Carlos, el recorrido de la Hispaniola «virando a estribor pola punta do cabo»..«Lembraremos tamén a conversa que mantivo o Sr. Trelawney, almirante da goleta inglesa, co sarxento do castelo, o Atrevido de Fisterra ou Muito Home, e do estraño nome de Estrela Escura que aínda daquela algúns lles daban á vila da fin do mundo».
    0

    Añadir un comentario


  10. A Costa do Solpor viaxa á habitación da Illa do Tesouro

    Xose Maria lema Suarez no Bela Fisterra
     Xose Maria lema Suarez no Bela Fisterra
    A Costa do Solpor viaxa á habitación da Illa do Tesouro
    Simbólica a visita de Xosé María Lema Suárez ao Bela Fisterra, para deixar facer entrega dun exemplar asinado da novela "Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro". Unha visita para deixar na biblioteca do Hotel, un exemplar asinado desta novela tan simbólica. Porque unha das habitacións está dedicada á Illa do Tesouro, onde precisamente comeza a aventura da Costa do Solpor, na mesma praia Langosteira.
    Unha ilusión para o autor costeiro levando a súa novela preto da praia fisterrá onde se refuxiou a Hispaniola tras a violenta tormenta sufrida no Atlántico. No amencer dun día de agosto de 1761 os seus tripulantes contemplarían abraiados "os peitos espidos de muller enfesta" (Alexandre Nerium) [2ª foto].


    0

    Añadir un comentario

Cargando